A tarxeta de Bruno percorreu todo o Módulo 7 de Teixeiro e estivo no Nacemento que fixeron os internos. Hoxe pendura na cela de Wandhou
(Xaquín Campo Freire, párroco de Mandiá).- Estes días andamos de Primeiras Comuñóns. E volvín a pensar en Bruno. A cousa pasou así: Era polo Nadal. Domingo 15 de decembro. 2013. Evanxeo: Xoán Bautista, no cárcere. Na Misa parroquial faleilles da inmensa soidade que senten e sofren tantos irmáns nosos. Puxen varios exemplos: Anciáns, enfermos, presos, familias, as vítimas, os que están de loitos, os enfermos mentais, os coidadores, etc.
Propúxenlles algunha das formas de achegarnos aos irmáns que sofren soidade, como poden ser: visitalos, chamalos polo telefone, unha mensaxe, un correo electrónico, algún relevo. E unha forma excelente pode ser unha tarxeta de Nadal ou unha carta que a podes ler cantas veces queiras. Agora que xa case non escribimos cartas!
Bruno, oito anos, levanta a man:
-Xaquín, e eu podo mandarlle unha tarxeta a un preso? A un deses africanos que os deteñen porque lles falta algún documento
– Certamente, Bruno. Sempre co coñecemento dos teus pais.
Ao domingo seguinte, 22 de decembro, chega Bruno, antes misa, cun sobre en branco, un selo de correos, precioso e sen pegar, e unha tarxeta de Nadal escrita por el.
O texto, en lingua galega, dicía así:
«Qerido Señor Don Preso. Como vostede está lonxe da súa familia eu quero dicirlle que na misa de Mandiá-Ferrol rezamos por vostede e que lle queremos moito e que teña un Bo Nadal. Tamén para a súa familia. Ou seu amigo, Bruno».
-Olla!, equivoqueime. Fáltame o «u» de querido. Non me gusta facer chatas. Terei que comprar outra tarxeta?
-Non. Déixao así. Xa llo explico eu.
-E o de «querido señor don Preso«, é que non che preguntei o nome. Pero eu sei á persoa a quen lla mando. ?
-Iso é o que importa, Bruno. A persoa. Oxalá todos soubésemos, coma ti, respectar á persoa.
De onde che veu a idea?
-Ti na misa sempre rezas e nos falas dos pobres, dos enfermos e dos presos. E Xesús tamén o facía. O dos enfermos enténdoo. O dos presos véxoo polo noso canario. Anda libre pola casa. Pero ás veces metémolo na gaiola e non lle gusta. Ponse algo triste. O que non entendo tanto é o das vítimas. E o dos africanos véxoos na T.V. Maltrátanos e non estou de acordo.
Eu, que visito o cárcere cada semana, aprendín de Bruno algo moi importante: «Se non vos fixerdes coma nenos non entraredes no Reino dos Ceos? (Mt. 18, 3).
A tarxeta de Bruno percorreu todo o Módulo 7 de Teixeiro e estivo no Nacemento que fixeron os internos. Hoxe pendura na cela de Wandhou na espera e na esperanza de que ambos cheguen á liberdade e a el non o deporten a Senegal.
Comentar desde Facebook